Saturday 27 de April de 2024

A Coruña acollerá o Congreso Nacional de Avogados Especializados en Responsabilidade Civil e Seguro


A XXIII edición deste congreso de expertos en Dereito terá lugar os días 9, 10 e 11 de novembro de 2023 en Palexco

“A Coruña posicionouse como un dos principais destinos MICE do norte de España”, expresa Inés Rey

A Coruña acollerá o próximo ano o Congreso Nacional de Avogados Especializados en Responsabilidade Civil e Seguro. Será a XXIII edición deste congreso, que congrega cada ano a expertos en Dereito de todo o país e no que se debaten os temas de actualidade deste sector. A Coruña é a cidade elixida para o congreso do próximo ano, que se celebrará os días 9, 10 e 11 de novembro no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco). Este congreso conta co visto e prace do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos.

A Asociación Española de Avogados Especializados en Responsabilidade Civil e Seguro encárgase da organización deste congreso. A finalidade da asociación é velar e promover a adecuación ás esixencias do Estado de Dereito da normativa legal e regulamentaria e das actuacións dos poderes públicos, así como das entidades públicas ou privadas en materia de Responsabilidade Civil e Seguro.

A edición XXII deste congreso celebrouse en Barcelona. No marco deste congreso a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, comunicou aos asistentes, a través dun vídeo, a celebración na cidade da próxima edición. Segundo palabras da alcaldesa, profesionais de distintos sectores danse cita cada ano na cidade, “que se posicionou como un dos principais destinos MICE do norte de España”.

A Coruña conta coas infraestruturas necesarias e unha gran experiencia en organización de eventos. A isto súmase a capacidade e o nivel do seu sector hoteleiro, con 3.900 camas.

Con este tipo de congresos a cidade reforza a súa posición como destino MICE (siglas en inglés de: reunións, incentivos, conferencias e exposicións).

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.